mércores, 30 de outubro de 2024

Samaín 2024

Polo Samaín, no noso IES tivemos unha exposición con recomendacións literarias terroríficas, así como un concurso de microrrelatos no que o alumnado deixou voar a súa imaxinación e ideou as fabulosas creacións que podedes ver na presentación. Ademais, a Santa Compaña foi polas clases recitando versos e tamén tivemos un túnel do terror e unha lectura de contos de terror no salón de actos. Non vos perdades a reportaxe fotográfica e o vídeo da Santa Compaña!

martes, 29 de outubro de 2024

Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024


O escritor galego Manuel Rivas foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2024. O xurado destacou do autor "a extraordinaria calidade narrativa" e "unha traxectoria versátil e coherente, construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega".

luns, 28 de outubro de 2024

E ti, cantas maneiras diferentes coñeces de nomear as castañas?

Achégase o Magosto e de seguro que vas comer castañas. Pero, saberías dicir o nome concreto dunha castaña cocida? E o dunha castaña que se desprende por si mesma do ourizo? E o dunha castaña oca? Deixámoste aquí uns cantos termos que fan referencia a eses conceptos!



xoves, 24 de outubro de 2024

Fina Casalderrey, candidata ao premio Astrid Lindgren


En recoñecemento ao seu traballo, fundamentalmente dirixido ao público máis novo, a escritora pontevedresa Fina Casalderrey volve aspirar ao premio Astrid Lindgren, un galardón de literatura infantil e xuvenil que concede o goberno sueco. Os resultados coñeceranse o 1 de abril de 2025.

mércores, 23 de outubro de 2024

Proxecto Día das Letras Galegas 2025. Precisamos a túa colaboración!

No IES Fernando Esquío queremos realizar unha exposición de literatura oral galega co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2025 e precisamos da túa colaboración! Preme na imaxe para coñecer como podes axudarnos. Moitas grazas!

luns, 14 de outubro de 2024

Día das Escritoras

Desde o ano 2016, o luns máis próximo ao 15 de outubro, aniversario do falecemento de Teresa de Jesús, conmemórase o Día das Escritoras. Desde o EDLG queremos renderlle homenaxe a todas aquelas escritoras que, coas súas creacións, contribúen ou contribuíron á difusión da lingua e a cultura galegas.

venres, 11 de outubro de 2024

O castelán xa é a lingua máis falada en Galicia

A nova enquisa estrutural de fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xá é a lingua predominante en Galicia. É a primaira vez na historia que nunha enquisa destas características o galego ten unha porcentaxe de falantes habituais inferior ao castelán. Un dos datos máis sorprendentes é que no grupo de 5 a 14 anos a porcentaxe de persoas que non saben falar ou que falan moi pouco galego é do 32,44%, o que significa que en cinco anos duplicouse o número de nenos e nenas que non falan galego.


    Con respecto a isto, deixámosvos a seguinte relfexión, compartida por Orgullo Galego:


martes, 8 de outubro de 2024

O Día da Ciencia en Galicia 2024 homenaxea a Matemático Rodríguez


Desde o ano 2006, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra o 8 de outubro o Día da Ciencia en Galicia, data escollida en lembranza ao nacemento do Padre Feijoo, pioneiro no apoio ao método científico. Esta conmemoración honra a memoria dun científico ou científica que teña contribuído decisivamente ao desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía en Galicia.

No 2024, coincidindo cos 200 anos do seu falecemento, o científico homenaxeado é José Rodríguez González, coñecido coma Matemático Rodríguez. Este lalinés de nacemento, con tan só 30 anos xa era catedrático da Universidade de Santiago (USC). Formouse en matemáticas, astronomía e mineraloxía e un dos seus grandes achados foi a demostración empírica de que a Terra estaba achatada polos polos, corroborando así a teoría de Newton.

xoves, 3 de outubro de 2024

Ciclo de cine Mestre Mateo

O ciclo Mestre Mateo é un circuíto de cinema galego que exhibe nos lugares que forman parte da rede de salas as películas finalistas dos premios Mestre Mateo. Durante este mes de outubo, na provincia da Coruña proxéctanse os seguintes filmes:

Nesta ligazón tedes información máis detallada.

martes, 1 de outubro de 2024

Concurso microrrelatos Samaín 2024

Desde o EDLG e a Biblioteca do IES Fernando Esquío propoñémosvos un concurso de microrrelatos para o Samaín de 2024. Podedes consultar as bases aquí, así coma nos carteis que haberá colocados polo centro. Animádevos a participar! Hai premio para o mellor microrrelato de cada categoría!