Amosando publicacións coa etiqueta ciencia en galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencia en galego. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de febreiro de 2026

Científica Galega do Ano 2026

 

A oceanógrafa Aida Fernández Ríos foi nomeada Científica Galega do Ano 2026 pola Real Academia Galega. Trátase da primeira muller que dirixiu o Instituto de Investigacións Mariñas. Especializada nos cambios físico-químicos dos océanos e a súa relación co clima, participou en 30 campañas oceanográficas por todo o mundo, cinco delas como xefa científica. Ademais, formou parte dun programa internacional que contribuíu á primeira avaliación global de dióxido de carbono oceánico causado pola actividade humana, que evidenciou o problema da acidificación dos océanos. En 2015 ingresou como académica numeraria.

mércores, 19 de febreiro de 2025

Fernando Calvet, científico galego do ano


A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu a Fernando Calvet como Científico Galego do Ano. Este home é considerado o introdutor da Bioquímica moderna en España, así como o iniciador da investigación en Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde puxo en marcha un laboratorio de prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación. A RAGC destacou que Calvet achegou un "aire europeo" ás formas docentes e apostou pola "sociabilidade universitaria", organizando xornadas de té, música e excursións.

O acto central da homenaxe terá lugar o 8 de outubro de 2025, no marco do Día da Ciencia en Galicia, pero programaranse actividades para dar a coñecer a figura deste científico así como das súas contribucións á sociedade durante todo o ano.

xoves, 5 de decembro de 2024

Nomes galegos de aves de Galicia e de España

A RAG estrea hoxe unha plataforma para a procura dos nomes de máis de 600 especies de aves. O buscador é froito do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas e permite realizar procuras pola denominación galega, a científica ou a familia á que pertenece cada ave. Moitas das entradas contan, ademais, con fotografías.

Tedes toda a información aquí.

luns, 2 de decembro de 2024

IV concurso de vídeos "Youtubers científcos"


A USC convoca a cuarta edición do concurso de vídeo Youtubers científicos, unha iniciativa que forma parte do plan anual de actividades "Ciencia de ida e volta", que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Como novidade, este ano pode participar alumnado da ESO e do Bacharelato, con vídeos dun minuto de duración que respondan a seguinte cuestión: Por que a ciencia é relevante para a sociedade?

Anímate a participar! O prazo de inscrición estará aberto do 23 de decembro de 2024 ao 13 de xaneiro de 2025. Tes aquí toda a información.

martes, 8 de outubro de 2024

O Día da Ciencia en Galicia 2024 homenaxea a Matemático Rodríguez


Desde o ano 2006, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra o 8 de outubro o Día da Ciencia en Galicia, data escollida en lembranza ao nacemento do Padre Feijoo, pioneiro no apoio ao método científico. Esta conmemoración honra a memoria dun científico ou científica que teña contribuído decisivamente ao desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía en Galicia.

No 2024, coincidindo cos 200 anos do seu falecemento, o científico homenaxeado é José Rodríguez González, coñecido coma Matemático Rodríguez. Este lalinés de nacemento, con tan só 30 anos xa era catedrático da Universidade de Santiago (USC). Formouse en matemáticas, astronomía e mineraloxía e un dos seus grandes achados foi a demostración empírica de que a Terra estaba achatada polos polos, corroborando así a teoría de Newton.