Amosando publicacións coa etiqueta Día da Ilustración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Ilustración. Amosar todas as publicacións

venres, 30 de xaneiro de 2026

Día da Ilustración 2026

Como cada 30 de xaneiro, hoxe celébrase o Día da Ilustración. Este ano, o artista homenaxeado é Siro, caricaturista, debuxante, pintor, xornalista e escritor nado en Ferrol en 1943.

Ademais de álbums de debuxos, caricatura e humor, Siro ilustrou cartelería e libros de diversos autores/as e editoriais e, ao longo da súa carreira, tamén traballou nunha serie de proxectos máis aló do debuxo. Así, xunto a Xaquín Marín, impulsou o Museo do Humor de Fene, inaugurado en 1984; escribiu guións e dirixiu programas de radio e televisión: Imos aló?, pioneiro por ser o primeiro curso de galego emitido na TVG (1989 e 1990) e Corre Carmela que chove, que se mantivo 21 anos en antena facendo terturlia de actualidade en clave de humor. En 1990 deseñou a Praza do Humor (A Coruña). 

luns, 10 de novembro de 2025

O Día da Ilustración homenaxea a Siro

No 2026, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro, renderá homenaxe ao artista gráfico Siro López, nado en Ferrol en 1943, e que destaca polo seu traballo de caricaturista político e humorista gráfico, ademais doutras facetas como retratista, debuxante e pintor. É a segunda vez que para conmemorar esta efeméride se escolle a unha persoa en vida.

xoves, 30 de xaneiro de 2025

Día da Ilustración 2025

No noso instituto celebramos o Día da Ilustración, que coincide coa data do nacemento de Castelao, a través dos debuxos da súa obra Cousas. Desde o EDLG convocamos un concurso de memes que foi todo un éxito, pois tivemos moita participación. Vainos resultar complicado elixir os gañadores/as, xa que presentastes uns traballos de moita creatividade!

Ademais, fixemos unha exposición das obras de Castelao das que dispoñemos na biblioteca do centro e, o noso profe de Educación Plástica, debuxou a marabillosa figura que podedes ver na presentación.

Moitas grazas a todos os/as alumnos/as pola vosa participación!

venres, 24 de xaneiro de 2025

As bibliotecas autonómicas homenaxean a Xosé Vizoso polo Día da Ilustración

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel das/os profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado unha ilustradora ou ilustrador histórico galego.

O Día da Ilustración do 2025 está dedicado a Xosé Vizoso, un artista gráfico que, alén dunha ampla traxectoria como deseñador e ceramista, ten tamén unha importante produción como cartelista, muralista e ilustrador de libros.

Este día contará cun amplo programa de actividades en torno á figura do homenaxeado nas bibliotecas de xestión autonómica. A programación está composta por unha exposición, un vídeo, obradoiros, sesións de narración oral ou mostras bibliográficas sobre a traxectoria deste artista natural de Mondoñedo. A peza central deste programa é a mostra 'Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo', que se inaugurará na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura o 30 de xaneiro, e que permanecerá aberta ata o vindeiro 12 de maio.

Tedes toda a información sobre o programa de actividades neste enlace.