Amosando publicacións coa etiqueta autoras galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta autoras galegas. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de febreiro de 2026

Día de Rosalía

Cada 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía. Este curso, nós rendémoslle unha pequena homenaxe a través do concurso "O Rosco de Rosalía", un pasapalabra relacionado coa vida e obra da autora. Tedes ata o 18 de marzo para entregar as vosas respostas na biblioteca. Animádevos a participar!

mércores, 26 de novembro de 2025

Marilar Aleixandre, primeira doutora honoris causa da Universidade de Almería


A Universidad de Almería (UAL) investiu a Marilar Aleixandre doutora honoris nunha cerimonia na que a académica defendeu o pensamento crítico como "ferramenta poderosa" para enfrontar os desafíos da desinformación e combater o negacionismo. A catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela é a primeira muller que pasa a formar parte do claustro de honra da UAL, e tamén a primeira investigadora do campo da educación e da didáctica que acada este recoñecemento na mesma institución.

Continuar lendo aquí.

xoves, 23 de outubro de 2025

Bicentenario do nacemento de Avelina Valladares


Tal día coma hoxe de hai 200 anos nacía na Estrada Avelina Valladares, pioneira da literatura galega. Foi unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora no emprego da lingua galega nalgúns dos seus poemas.

A pesar de ter unha profunda formación relixiosa, Avelina rompeu coas normas sociais da súa época, rexeitando unha e outra vez os pretendentes que viñan "salvala" da súa soltería. A emigración, Galicia, a orfandade, a fe e a súa propia familia foron temas recorrentes nas súas composicións.

Ademais dos seus textos, a autora deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos.

martes, 21 de outubro de 2025

Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa

 


Antía Yáñez vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil 2025, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Bragakadabra. O xurado destacou por unanimidade o humor, a imaxinación, a fantasía e a tenrura da obra, así como a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación persoal e o empoderamento nun relato pensando para lectores novos pero de alcance universal.

Anímate a ler algunha das obras desta autora. Temos moitas delas na nosa biblioteca!


martes, 18 de febreiro de 2025

Conmemoración do Día de Rosalía a través da Bioloxía

Para conmemorar o Día de Rosalía, e utilizando como inspiración o libro O herbario de Rosalía (do que temos exemplares na nosa biblioteca), o alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato fixo este proxecto no que, a partir dos versos da autora, estudou as características biolóxicas de distintas especies de plantas. Temos a exposición dos carteis no corredor da planta baixa do instituto e tamén volos deixamos aquí. Parabéns ao alumnado polo seu traballo!

xoves, 12 de decembro de 2024

M8 por ler!

Sumámonos á campaña da Fundación xistral "M8 por ler!" e animámosvos a que leades en galego, porque hai moitísimas historias das que gozar na nosa lingua.

domingo, 24 de novembro de 2024

Tal día coma hoxe, en 1861, Rosalía publica "Adiós ríos, adiós fontes"

O 24 de novembro de 1861, Rosalía de Castro publicaba o seu primeiro poema en galego, "Adiós ríos, adiós fontes", que vos deixamos a continuación para que poidades desfrutar da súa fermosura.

xoves, 7 de novembro de 2024

Simposio Luísa Villalta

Do 19 ao 21 de novembro, a Real Academia Galega celebra o Simposio Luísa Villalta, arredor da vida e obra da autora das Letras Galegas 2024. Este terá lugar na Fundación Barrié da Coruña e a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Tedes o programa completo neste enlace.



xoves, 24 de outubro de 2024

Fina Casalderrey, candidata ao premio Astrid Lindgren


En recoñecemento ao seu traballo, fundamentalmente dirixido ao público máis novo, a escritora pontevedresa Fina Casalderrey volve aspirar ao premio Astrid Lindgren, un galardón de literatura infantil e xuvenil que concede o goberno sueco. Os resultados coñeceranse o 1 de abril de 2025.