Amosando publicacións coa etiqueta Día de Castelao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día de Castelao. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de abril de 2025

Aberta a inscrición no obradoiro de ilustración "Versioleandro ao Castelao"

 


A XX edición das Xornadas Literarias de Neda, centradas na figura de Castelao, incluirá dentro da súa programación un obradoiro de ilustración, dirixido polo recoñecido artista nedense Leandro Lamas. O título da proposta, que terá lugar o sábado 26 de abril entre as 11 e as 13 horas, non deixa lugar a dúbidas: “Versioleandro ao Castelao”. 

Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a persoas de 16 anos en adiante e conta con prazas limitadas. Se queredes participar, tedes que anotarvos, entre hoxe e o xoves 24, na Biblioteca Municipal de Neda  (teléfono 981 39 02 33) no horario habitual do espazo cultural; é dicir, de 9 a 13 horas ou de 16 a 20 horas.

Non perdades esta oportunidade!

XX Xornadas Literarias de Neda dedicadas a Castelao

 

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentou na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das Palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, e mais a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

Seguir lendo...

venres, 14 de febreiro de 2025

Premios do I Concurso de memes polo Día de Castelao

Este venres fixemos a entrega de premios aos/ás alumnos/as gañadores/as do I Concurso de memes polo Día de Castelao. Aos membros do xurado costounos bastante decidir, xa que tiñamos moitos traballos de gran enxeño e creatividade.

Moitos parabéns a Marta, Nerea, Kevin, Santi e Christian! E, por suposto, moitas grazas a todos/as os/as participantes!

xoves, 30 de xaneiro de 2025

Día da Ilustración 2025

No noso instituto celebramos o Día da Ilustración, que coincide coa data do nacemento de Castelao, a través dos debuxos da súa obra Cousas. Desde o EDLG convocamos un concurso de memes que foi todo un éxito, pois tivemos moita participación. Vainos resultar complicado elixir os gañadores/as, xa que presentastes uns traballos de moita creatividade!

Ademais, fixemos unha exposición das obras de Castelao das que dispoñemos na biblioteca do centro e, o noso profe de Educación Plástica, debuxou a marabillosa figura que podedes ver na presentación.

Moitas grazas a todos os/as alumnos/as pola vosa participación!

mércores, 8 de xaneiro de 2025

Concurso de memes Día de Castelao

Para conmemorar o Día de Castelao, que se celebra o 30 de xaneiro, propoñémosvos un concurso de memes relacionado coa súa obra Cousas da vida. Só tedes que elixir un debuxo dos que aparecen nesa obra e empregalo para facer un meme sobre o que vós queirades. Hai exemplares do libro na nosa biblioteca e tamén podedes atopalos neste enderezo web. Animádevos a participar! Haberá premio para os mellores memes!