Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de marzo de 2025

A Rosa Incandescente

Hoxe desfrutamos da compaña de Rosalía de Castro, que veu visitarnos da man dunha ferramenta incrible: o cinema. 

Grazas á creatividade e esforzo de Anxos García Fonte, o alumnado de 3º ESO e 1º BAC achegouse á figura da nosa poeta máis internacional.

A Rosa Incandescente presenta as inquedanzas, dúbidas e preocupacións dunha Rosalía moi nova que xa quería ser dona de si, asinar os seus traballos co seu nome e dar valor ao traballo dunha muller. A Rosalía doente pola súa familia, nai e fillos; a Rosalía autora, a Rosalía feminista é a representada na curta de Anxos García Fonte, guionista e produtora que soubo escoller os ambientes interiores e exteriores da nosa terra cunha gran sensibilidade.

Un privilexio contar con ela no noso centro para achegar os rapaces á súa figura.

Moitas grazas Anxos e tamén a todos os que a axudaron a crear esta marabilla.

martes, 17 de decembro de 2024

Sabes quen foi Francisca Herrera Garrido?


A Real Academia Galega vén de editar un volume no que compila toda a obra en galego da que foi a primeira muller en incorporarse á institución, Francisca Herrera Garrido. Malia pertencer á burguesía castelanfalante, esta muller decidiu publicar na nosa lingua, primeiro poesía e despois narrativa longa, tras o espertar dunha vocación literaria que se nutriu dos versos de Rosalía de Castro. Converteuse así nunha pioneira en galego deste xénero literario e, en palabras da catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia, "pódese dicir que na voz de muller máis importante no campo literario da xeración das Irmandades da Fala". Esta autora foi a protagonista do Día das Letras Galegas en 1987.

mércores, 4 de decembro de 2024

Diego Giráldez gaña o Premio de Novela Eduardo Blanco Amor


O escritor porriñés Diego Giráldez vén de gañar estes días o XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco Amor pola súa novela As obras póstumas, da que o xurado destacou o seu "estilo directo, rico e cargado de simbolismo", así como a creación dunha "atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria que amosa a cruda realidade da enfermidade psiquiátrica no pasado sen caer en estereotipos". 

Trátase dun galardón organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor e a Deputación de Ourense. Con el, Giráldez consolídase como un dos autores máis destacados da narrativa galega contemporánea.