Amosando publicacións coa etiqueta amor polos libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta amor polos libros. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de outubro de 2025

Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa

 


Antía Yáñez vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil 2025, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Bragakadabra. O xurado destacou por unanimidade o humor, a imaxinación, a fantasía e a tenrura da obra, así como a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación persoal e o empoderamento nun relato pensando para lectores novos pero de alcance universal.

Anímate a ler algunha das obras desta autora. Temos moitas delas na nosa biblioteca!


luns, 21 de abril de 2025

XX Xornadas Literarias de Neda dedicadas a Castelao

 

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentou na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das Palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, e mais a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

Seguir lendo...

martes, 1 de abril de 2025

Visita ao Salón do Libro 2025

 
Ver a galería

O pasado venres 28 asistimos ao Salón do Libro de Pontevedra xunto co club de lectura do IES Breamo. Ademais da nosa visita guiada ao Salón, desfrutamos dun encontro con Fran Alonso, quen nos presentou a súa última obra "A revolta da lectura"; asistimos ao musical Os miserabeis, interpretado polo alumnado e profesorado do IES Illa de Ons de Bueu; visitamos no Museo Provincial os fondos da exposición arqueolóxica que teñen, así como a sala Castelao coas súas obras... Un pracer no Ano Castelao no que lembramos os 75 anos do seu pasamento.

luns, 17 de marzo de 2025

Día do Cómic e do Tebeo

O 17 de marzo celébrase o Día do Cómic e do Tebeo e nós queremos conmemoralo recomendándovos a novela gráfica Rosalía Oculta, Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, da que moi pronto haberá exemplares na nosa biblioteca.

Deixámosvos a continuación a sinopse:

Rosalía de Castro foi, sen ningunha dúbida, unha muller avanzada ao seu tempo. En pleno século XIX, cando a vida das mulleres practicamente se reducía ao fogar, unha escritora nova loita por expresarse libremente nunha sociedade que a ignora e a censura. A súa obra fálanos da súa terra, da opresión e da marxinación do pobo, de temas tan actuais como o feminismo, as diferenzas entre clases, a emigración, a Igrexa e a androxinia. Só podemos alcanzar a xuntar unha pequena parte do quebracabezas que compón a súa persoa e iso é, en definitiva, o que tenta mostrar esta novela gráfica.

luns, 16 de decembro de 2024

Presentación do libro "Xirarei!"

Este mércores 18 de decembro ás 19 horas terá lugar no Centro Cívico de Canido, en Ferrol, a presentación do libro Xirarei!, de Pablo Carreiro. Ao longo das súas páxinas faise un percorrido único por Galicia que mestura humor, tenrura e unha fonda admiración pola cultura galega. A través dun itinerario que abrangue os recunchos máis fermosos e emblemáticos da terra, o autor fainos partícipes dunha viaxe onde cada páxina é unha homenaxe ao noso patrimonio cultural.

Pronto teremos exemplares na nosa biblioteca!

xoves, 12 de decembro de 2024

M8 por ler!

Sumámonos á campaña da Fundación xistral "M8 por ler!" e animámosvos a que leades en galego, porque hai moitísimas historias das que gozar na nosa lingua.

venres, 29 de novembro de 2024

Calendario literario de Advento


O EDLG e a Biblioteca do IES Fernando Esquío elaboraron este calendario literario de Advento, con recomendacións para cada día de decembro ata Nadal. Hai todo tipo de libros e podes atopalos todos eles na Biblioteca do centro. Non perdas as recomendacións diarias e anímate a ler algunha delas nas vacacións!