Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de maio de 2025

Premios I Concurso de poesía

Imos cun pouco de retraso neste final de curso no que o tempo non nos chega, pero por fin publicamos as fotos da entrega de premios do I Concurso de poesía.

As gañadoras do concurso foron:

  • Noelia Casal Otero, de 2º A ESO, na categoría de haikus.
  • Aldara Pérez Serantes, de 1º B da ESO, na categoría de poesía escura.
Ademais, tivemos os seguintes accésits, todos eles na categoría de haikus:
  • Isabela Abeledo França, de 1º A ESO
  • David Abeledo Feal, de 2º A ESO
  • Simón García Sisto, de 2º A ESO
  • Laura Tojeiro Fraga, de 2º B ESO
Moitas grazas a todos/as os/as participantes!

mércores, 2 de abril de 2025

Día do Libro Infantil e Xuvenil


Hoxe celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha data elixida en homenaxe ao famoso escritor danés Hans Christian Andersen. E xustamente hoxe acabamos de coñecer que a escritora viguesa Ledicia Costas resultou gañadora do prestixioso Premio Barco de Vapor SM de Literatura Infantil. O xurado escolleu a súa obra 'Feriópolis' (SM) como a mellor do ano nesta categoría fundamentando a súa decisión por ser esta "unha obra de fantasía que dá voz ao mundo interior dos cativos en toda a súa complexidade, ofrecéndolles un refuxio". 

venres, 7 de marzo de 2025

Premio CEDRO 2025 para Manuel Rivas

Tras recibir o Premio Nacional das Letras, o escritor Manuel Rivas é obxecto dun novo recoñecemento, o Premio CEDRO, concedido polo Centro Español de Derechos Reprográficos. A decisión susténtase no recoñecemento do seu firme compromiso coa cultura, así como a súa achega á defensa dos dereitos de autor e a propiedade intelectual. 

mércores, 4 de decembro de 2024

Diego Giráldez gaña o Premio de Novela Eduardo Blanco Amor


O escritor porriñés Diego Giráldez vén de gañar estes días o XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco Amor pola súa novela As obras póstumas, da que o xurado destacou o seu "estilo directo, rico e cargado de simbolismo", así como a creación dunha "atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria que amosa a cruda realidade da enfermidade psiquiátrica no pasado sen caer en estereotipos". 

Trátase dun galardón organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor e a Deputación de Ourense. Con el, Giráldez consolídase como un dos autores máis destacados da narrativa galega contemporánea.

martes, 29 de outubro de 2024

Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024


O escritor galego Manuel Rivas foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2024. O xurado destacou do autor "a extraordinaria calidade narrativa" e "unha traxectoria versátil e coherente, construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega".

xoves, 24 de outubro de 2024

Fina Casalderrey, candidata ao premio Astrid Lindgren


En recoñecemento ao seu traballo, fundamentalmente dirixido ao público máis novo, a escritora pontevedresa Fina Casalderrey volve aspirar ao premio Astrid Lindgren, un galardón de literatura infantil e xuvenil que concede o goberno sueco. Os resultados coñeceranse o 1 de abril de 2025.

venres, 20 de setembro de 2024

Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024

A galega Chus Pato foi galardoada co Premio Nacional de Poesía 2024 pola súa obra Sonora que, escrita tras a morte da súa nai, en 2018, explora a condición de orfandade da autora.