luns, 29 de decembro de 2025

O apalpador dexésanos bo Nadal e feliz Aninovo 2026

 Este ano entre outras moitas decoracións e propostas navideñas, contamos coa presencia do apalpador moi ben situado na entrada do noso centro desexándonos un bo Nadal e feliz Aninovo.



luns, 22 de decembro de 2025

Gran participación

 Velaiqui tedes unha mostra da gran participación no concurso de postal de Nadal científico. 


Postais gañadoras:
Lucía Lorenzo López 1º ESO B

Noa Martínez Rodríguez 4º ESO




luns, 1 de decembro de 2025

25N Encontro escolar polo bo trato

 Outro ano máis o concello de Neda invítanos a participar no "Encontro escolar polo bo trato". Alumnado de 1º e 2º ESO do noso centro, xunto con alumnado do CEIP San Isidro, despois de gardar un minuto de silencio polas mulleres vítimas de violencia de xénero, compartiron o traballo realizado sobre esta temática. Puxeron nome e contaron as historias das últimas mulleres asasinadas a mans da súas parellas.

Como colofón fixeron unha interpretación do tema de Fillas de Cassandra, "Varre vasoira" coa súa reivindicación da unión como motor de cambio. 








venres, 28 de novembro de 2025

Mensaxes secretas do club de ciencia no 25N

 Durante esta semana o alumnado de club de ciencia escribiu mensaxes secretas contra a violencia de xénero cunha sustancia transparente, que  máis tarde revelaríase visible facéndoa así lexible para todos.



mércores, 26 de novembro de 2025

Marilar Aleixandre, primeira doutora honoris causa da Universidade de Almería


A Universidad de Almería (UAL) investiu a Marilar Aleixandre doutora honoris nunha cerimonia na que a académica defendeu o pensamento crítico como "ferramenta poderosa" para enfrontar os desafíos da desinformación e combater o negacionismo. A catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela é a primeira muller que pasa a formar parte do claustro de honra da UAL, e tamén a primeira investigadora do campo da educación e da didáctica que acada este recoñecemento na mesma institución.

Continuar lendo aquí.

martes, 18 de novembro de 2025

III Concurso de postal de Nadal científica

O EDLG e a Biblioteca convocan o III Concurso de postal de Nadal científica. Tes ata o 12 de decembro para participar. Anímate, que hai premio! Consulta as bases aquí.

luns, 10 de novembro de 2025

Recitado de poesía no Carvallo Calero

 O luns 27 de outubro alumnado de música e lingua galega de 4º ESO participou na actividade de recitado de poesía que tivo lugar no Centro Cultural Carvallo Calero en Ferrol, organizado pola coordenadora de equipos de normalización de Ferrolterra. Este é o resultado da nosa participación.



O Día da Ilustración homenaxea a Siro

No 2026, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro, renderá homenaxe ao artista gráfico Siro López, nado en Ferrol en 1943, e que destaca polo seu traballo de caricaturista político e humorista gráfico, ademais doutras facetas como retratista, debuxante e pintor. É a segunda vez que para conmemorar esta efeméride se escolle a unha persoa en vida.

xoves, 6 de novembro de 2025

lectura das gañadoras do concurso de microrelatos de Samaín

 As gañadoras do concurso de microrelatos de Samaín, Antía e Icía, len os seus microrelatos co fondo vocal de alumnado do coro.



mércores, 5 de novembro de 2025

Celebración do Samaín


O pasado xoves 30 de outubro celebramos o Samaín no noso IES. Antes do recreo, a marcha da Santa Compaña, capitaneada pola nosa encargada de Biblioteca, Begoña, desfilou polo corredor e polas aulas, acompañada dunha melodía terrorífica a cargo de alumnado de 3º da ESO, que tocou xunto coa súa profe de Música, Teresa. 

Ademais, tamén alumnado de 3º da ESO fixo un túnel do terror no que había que ser moi valente para atreverse a entrar. Pero isto non foi todo, senón que durante a celebración repartíronse os premios do concurso de microrrelatos de Samaín e puidemos desfrutar dun rico chocolate. 

Os titores e titoras tamén fixeron un labor mrabilloso para ambientar o instituto e decoraron portas e taboleiros das aulas co seu alumnado. Por último, os estudantes de Anatomía aplicada de 1º de Bacharelato fixeron uns magníficos traballos sobre enfermidades terroríficas, relacionándoas con diversas personaxes do Samaín.

Deixámosvos un resumo da nosa celebración na presentación!

martes, 28 de outubro de 2025

Play List. Concerto didáctico da Real Filarmonía

 O venres 24 de outubro, o alumnado de 3º ESO tivo a ocasión de asistir ao concerto didáctico Play List, ofercido pola orquestra Real Filarmonía no Auditorio de Galicia en Santiago, dirixida por Sebastián Zinca e apoiada co relato de Miguel Anxo Caxigal "O Barroquista". Neste concerto exploramos as emocións que pode provocar en nós a música clásica, a través de obras de varios compositores como Biber, J. Strauss, Händel, Morricone ou Beethoven. 

Vídeo da entrevista a Miguel Anxo Caxigal



xoves, 23 de outubro de 2025

Bicentenario do nacemento de Avelina Valladares


Tal día coma hoxe de hai 200 anos nacía na Estrada Avelina Valladares, pioneira da literatura galega. Foi unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora no emprego da lingua galega nalgúns dos seus poemas.

A pesar de ter unha profunda formación relixiosa, Avelina rompeu coas normas sociais da súa época, rexeitando unha e outra vez os pretendentes que viñan "salvala" da súa soltería. A emigración, Galicia, a orfandade, a fe e a súa propia familia foron temas recorrentes nas súas composicións.

Ademais dos seus textos, a autora deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos.

martes, 21 de outubro de 2025

Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa

 


Antía Yáñez vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil 2025, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Bragakadabra. O xurado destacou por unanimidade o humor, a imaxinación, a fantasía e a tenrura da obra, así como a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación persoal e o empoderamento nun relato pensando para lectores novos pero de alcance universal.

Anímate a ler algunha das obras desta autora. Temos moitas delas na nosa biblioteca!


domingo, 5 de outubro de 2025

Entrega de premio no Muíño de Xuvia

Venres 3 de outubro, Noa Martínez Rodríguez de 4º ESO, recibe no Muíño de Xuvia o premio ao  debuxo máis votado da exposición sobre as pontes e o Muíño de Xuvia realizados por alumnado de 3º ESO durante o curso 24-25. Actividade que estivo enmarcada dentro das realizadas no Proxecto Didáctico de patrimonio, Antón Fraguas.




martes, 23 de setembro de 2025

II Concurso de microrrelatos de Samaín


Desde o EDLG e a Biblioteca do IES Fernando Esquío, un ano máis, propoñémosvos un concurso de microrrelatos para o Samaín. Podedes consultar as bases aquí, así coma nos carteis que hai colocados polo centro. Animádevos a participar e sede creativos! Hai premio para o mellor microrrelato de cada categoría!

luns, 15 de setembro de 2025

Inicio dun novo curso escolar

9 de setembro, ainda en tempo de celebración das festas patronais de San Nicolás en Neda, iniciamos un novo curso co acompañamento de gaita e tamboril.




luns, 23 de xuño de 2025

Revista Trovador Esquío

Tras meses de traballo e para pechar este curso, por fin podemos compartir con vós o primeiro número da revista Trovador Esquío, na que se recollen moitas das actividades realizadas ao longo do curso polos diferentes niveis e grupos. Esperamos que vos guste e que en edicións posteriores vos animedes a participar con máis crónicas!

venres, 20 de xuño de 2025

Letras Galegas 2026 dedicadas a Begoña Caamaño


As Letras Galegas do ano 2026 estarán dedicadas á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño. A autora foi elixida entre catro candidaturas, que incluían tamén a Antón Tovar, Enrique Labarta Pose e Miguel González Garcés. Polo tanto, a que se homenaxeará o próximo 17 de maio volverá ser unha voz feminina. En palabras do texto da candidatura "Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños".

luns, 16 de xuño de 2025

Lendas galegas: podcasts do alumnado de 1º da ESO

A continuación deixámosvos uns podcasts sobre lendas galegas creados polo alumnado de 1º da ESO do noso instituto no marco do Plan Proxecta Antón Fraguas.

 

mércores, 21 de maio de 2025

luns, 19 de maio de 2025

Encrucillado das Letras Galegas

Neste mes das Letras Galegas, propoñémosvos o seguinte encrucillado sobre os instrumentos tradicionais galegos. Seredes capaces de nomealos todos e descubrir a palabra oculta? Pinchade aquí para acceder ao documento.

venres, 16 de maio de 2025

Festexando as Letras

Hoxe festexamos por todo o alto o Día das Letras Galegas no IES: o alumnado de 3º da ESO recitou un poema da obra Cantares gallegos, de Rosalía de Castro e, ademais, un grupo de profesores/as e alumnos/as tocou música tradicional galega e bailou no patio do centro, mentres outros cantaron ao son da música. Deixámosvos uns vídeos da celebración.

mércores, 14 de maio de 2025

Premios I Concurso de poesía

Imos cun pouco de retraso neste final de curso no que o tempo non nos chega, pero por fin publicamos as fotos da entrega de premios do I Concurso de poesía.

As gañadoras do concurso foron:

  • Noelia Casal Otero, de 2º A ESO, na categoría de haikus.
  • Aldara Pérez Serantes, de 1º B da ESO, na categoría de poesía escura.
Ademais, tivemos os seguintes accésits, todos eles na categoría de haikus:
  • Isabela Abeledo França, de 1º A ESO
  • David Abeledo Feal, de 2º A ESO
  • Simón García Sisto, de 2º A ESO
  • Laura Tojeiro Fraga, de 2º B ESO
Moitas grazas a todos/as os/as participantes!

venres, 25 de abril de 2025

Polo 25 de abril conmemoramos a Revolución dos Caraveis

Hoxe, 25 de abril, para conmemorar o aniversario da Revolución dos Caraveis, repartíronse estas flores no centro e, ademais, un grupo de profesorado e alumnado cantou a canción Grândola, Vila Morena, himno da Revolución.

xoves, 24 de abril de 2025

Coñecendo a xeoloxía da nosa contorna

O 22 de abril, o alumnado de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º A de Bacharelato tivo a oportunidade de realizar unha saída para coñecer a xeoloxía da contorna do centro. Os/as estudantes estiveron no Coto de Ancos, onde puideron ver in situ os ortogneis característicos do lugar, así como comprender a formación da ría de Ferrol. Así mesmo, visitaron Penas Louseiras, onde descubriron as lousas verticais características da zona, así como as corneanas formadas como consecuencia do metamorfismo de contacto entre as lousas e os granitos. Por último, estiveron tanto a pé da fervenza do Belelle, como observándoa desde o miradoiro de Viladonelle, aprendendo sobre a formación das marmitas de xigante. Todo isto grazas ao xeólogo Francisco Canosa, que foi o guía da nosa visita.

Trátase dunha saída organizada polo Departamento de Bioloxía e enmarcada no Plan Proxecta Antonio Fraguas Fraguas, co obxectivo de coñecer o patrimonio xeolóxico próximo ao centro educativo.

luns, 21 de abril de 2025

Aberta a inscrición no obradoiro de ilustración "Versioleandro ao Castelao"

 


A XX edición das Xornadas Literarias de Neda, centradas na figura de Castelao, incluirá dentro da súa programación un obradoiro de ilustración, dirixido polo recoñecido artista nedense Leandro Lamas. O título da proposta, que terá lugar o sábado 26 de abril entre as 11 e as 13 horas, non deixa lugar a dúbidas: “Versioleandro ao Castelao”. 

Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a persoas de 16 anos en adiante e conta con prazas limitadas. Se queredes participar, tedes que anotarvos, entre hoxe e o xoves 24, na Biblioteca Municipal de Neda  (teléfono 981 39 02 33) no horario habitual do espazo cultural; é dicir, de 9 a 13 horas ou de 16 a 20 horas.

Non perdades esta oportunidade!

XX Xornadas Literarias de Neda dedicadas a Castelao

 

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentou na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das Palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, e mais a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

Seguir lendo...

xoves, 10 de abril de 2025

Rutas xeolóxicas

Esta semana santa, o Xeoparque de Cabo Ortegal organiza dúas XeoRutas guiadas en autobús: 

  • O venres 18 de abril, a XeoRuta da Costa, percorrendo a costa de Loiba.
  • O domingo 20 de abril, a XeoRuta do Interior, visitando Pico Ferreira, os muíños de Loureiro e unha histórica canteira de toelo.

Tedes aquí toda a información. Dádevos présa, que as prazas son limitadas!

mércores, 9 de abril de 2025

A xeometría na Alhambra



Estes días temos no noso corredor da planta baixa a presentación que leva por título A xeometría matemática na Alhambra, realizada no Club de ciencia e que vos compartimos a continuación. Un tema do máis interesante!

martes, 8 de abril de 2025

Cienciaflix

No mes do libro e da lectura, desde o Club de ciencia do noso IES fixéronnos unha serie de recomendacións de lecturas científicas que nos parecen moi interesantes e que compartimos con vós. Animádevos e levade algunha delas para estas vacacións de Semana Santa!

mércores, 2 de abril de 2025

Día do Libro Infantil e Xuvenil


Hoxe celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha data elixida en homenaxe ao famoso escritor danés Hans Christian Andersen. E xustamente hoxe acabamos de coñecer que a escritora viguesa Ledicia Costas resultou gañadora do prestixioso Premio Barco de Vapor SM de Literatura Infantil. O xurado escolleu a súa obra 'Feriópolis' (SM) como a mellor do ano nesta categoría fundamentando a súa decisión por ser esta "unha obra de fantasía que dá voz ao mundo interior dos cativos en toda a súa complexidade, ofrecéndolles un refuxio". 

martes, 1 de abril de 2025

Día dos Enganos


Segundo o refraneiro galego, no un de abril van os burros onde non deben ir. Este dito fai referencia a unha antiga tradición galega de gastar bromas nesta data. Por este motivo, en Galicia o 1 de abril é coñecido como o Día dos Enganos o Día das Petas ou o Día das Mentiras, que xa parece recollido por Ramón Otero Pedrayo no seu libro Historia de Galicia (1979), onde documenta esta tradición como parte do calendario festivo galego.

De onde vén esta tradición? Hai moitas hipóteses, mais ningunha confirmada. Unha delas, a máis popular, é a que comenta o antropólogo Rafael Quintía: no século XVI, en Francia, o ano novo comezaba nesa época e as celebracións ían do 25 de marzo ao 1 abril. Despois, o rei Carlos IX aprobou un novo calendario de festexos, que fixaba que o Aninovo caía a partir dese momento no 1 de xaneiro. Daquela a información circulaba máis a modo que actualmente, polo que moitos seguirían a celebrar o 1 de abril e non o 1 de xaneiro. Había quen lles chamaba "os parvos de abril", de aí o nome que se lle dá a esta data nalgúns países onde se celebra.

Visita ao Salón do Libro 2025

 
Ver a galería

O pasado venres 28 asistimos ao Salón do Libro de Pontevedra xunto co club de lectura do IES Breamo. Ademais da nosa visita guiada ao Salón, desfrutamos dun encontro con Fran Alonso, quen nos presentou a súa última obra "A revolta da lectura"; asistimos ao musical Os miserabeis, interpretado polo alumnado e profesorado do IES Illa de Ons de Bueu; visitamos no Museo Provincial os fondos da exposición arqueolóxica que teñen, así como a sala Castelao coas súas obras... Un pracer no Ano Castelao no que lembramos os 75 anos do seu pasamento.

venres, 28 de marzo de 2025

Día das Artes Galegas 2025

Este ano, o Día das Artes Galegas, que se conmemora o 1 de abril, está dedicado a Isaac Díaz Pardo. O EDLG elaborou a presentación que podedes ver nas diapositivas, que xa se atopa colocada no corredor do noso IES. Non deixedes de aprender sobre este referente cultural galego tan importante!

xoves, 27 de marzo de 2025

Día Mundial do Teatro


Hoxe celébrase o Día Mundial do Teatro, unha conmemoración establecida polo Instituto Internacional do Teatro  lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo é promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo e crear conciencia sobre o seu valor. Na nosa biblioteca temos numerosas obras teatrais que vos animamos a ler e, se aínda non o fixestes, comezar a mergullarvos neste xénero tan interesante.

martes, 25 de marzo de 2025

Hoxe recordamos a Carvalho Calero


Tal día coma hoxe de 1990 finaba en Santiago de Compostela Ricardo Carvalho Calero. Ferrolán de nacemento, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista, escritor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Assosiaçom Galega da Língua. Considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero.

luns, 24 de marzo de 2025

Dai Minh, un dos gañadores do XXV certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro

Hoxe coñecimos que Dai Minh González Soto, alumno de 1º B da ESO no noso IES, é un dos gañadores do certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol.

A súa obra, xunto coa do resto de gañadores e gañadoras, será exposta en Ferrol, e haberá un acto para a entrega de premios. Informarémosvos tan pronto como coñezamos as datas dos eventos. 

Moitos parabéns a Dai Minh!!


venres, 21 de marzo de 2025

Día Mundial da Poesía

Hoxe celébrase o Día Mundial da Poesía e queremos conmemoralo con estes versos de Rosalía de Castro, recollidos na súa obra Cantares gallegos, un poemario que bebe directamente da poesía popular. É precisamente por esta razón, que no ano no que se dedica o Día das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, eliximos este poema. Esperamos que vos guste!

xoves, 20 de marzo de 2025

A triste realidade da nosa lingua


Hoxe tivemos a oportunidade de estar nos Encontros PLAMBE 2025, onde houbo un espazo para a reflexión sobre a emerxencia lingüística que está a vivir o galego, tamén na lectura. Esperamos poder contribuír a revertir esta situación a través do noso labor docente.

mércores, 19 de marzo de 2025

Semana do Cinema Galego

Do 26 ao 29 de marzo, terá lugar a sexta edición da Semana do Cinema Galego, que se levará a cabo no Teatro Colón da Coruña. Durante estes catro días exhibiranse oito das producións máis recentes e recoñecidas da industria cinematográfica asinada en Galicia. A entrada é de balde ata completar aforo. Tedes toda a información sobre a programación aquí. Non vos perdades este evento!

luns, 17 de marzo de 2025

Día do Cómic e do Tebeo

O 17 de marzo celébrase o Día do Cómic e do Tebeo e nós queremos conmemoralo recomendándovos a novela gráfica Rosalía Oculta, Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, da que moi pronto haberá exemplares na nosa biblioteca.

Deixámosvos a continuación a sinopse:

Rosalía de Castro foi, sen ningunha dúbida, unha muller avanzada ao seu tempo. En pleno século XIX, cando a vida das mulleres practicamente se reducía ao fogar, unha escritora nova loita por expresarse libremente nunha sociedade que a ignora e a censura. A súa obra fálanos da súa terra, da opresión e da marxinación do pobo, de temas tan actuais como o feminismo, as diferenzas entre clases, a emigración, a Igrexa e a androxinia. Só podemos alcanzar a xuntar unha pequena parte do quebracabezas que compón a súa persoa e iso é, en definitiva, o que tenta mostrar esta novela gráfica.

I Concurso de poesía

O próximo 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, que conmemora unha das formas máis preciadas da expresión, identidade e lingüística da humanidade. Nós queremos contribuír a conmemorar este día e, por iso, desde o EDLG e a Biblioteca, lanzamos o I Concurso de poesía, no que podedes participar a través de dúas categorías:

  • Categoría A: creación de haikus
  • Categoría B: poesía escura

Consultade aquí as bases.

Animádevos a participar, que hai premio!

venres, 14 de marzo de 2025

Día de Pi

Hoxe celébrase o Día de Pi e nós queremos conmemoralo co poema que a poeta polaca Wislawa Szymborska escribiu en 1976 e que vos deixamos a continuación. Esperamos ter feito unha tradución o máis fiel posible ao poema orixinal e que vos guste.

xoves, 13 de marzo de 2025

Luis Seoane será homenaxeado non Día da Poesía

O vindeiro 21 de marzo celébrase o Día da Poesía e, este ano, a Real Academia Galega dedicaralle este día a Luis Seoane. A fundación creada para o estudo da obra do artista e escritor (rúa San Francisco, 27 – A Coruña) acollerá o xoves 27 de marzo ás 19:00 horas un acto arredor do seu universo creativo cunha ollada interdisciplinaria. Este acto é de entrada libre e poderá seguirse en directo desde academia.gal.

mércores, 12 de marzo de 2025

O Entroido galego, Ben de Interese Cultural

O Entroido galego acada a distinción de Ben de Interese Cultural!

A Xunta vén de recoñecer a súa carga histórica, etnográfica e cultural no noso patrimonio inmaterial. Esta consideración realízase nun senso amplo para toda a celebración do Entroido en Galicia, e non circunscrita a uns festexos en concretos. Dito recoñecemento supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural e, polo tanto, a consecución do maior nivel de protección.

martes, 11 de marzo de 2025

A mocidade coa lingua 2025

Este curso, o noso IES presenta un grupo musical de alumnado ao festival A mocidade coa lingua, que se celebrará o 11 de abril no Auditorio de Ferrol. Desde aquí, desexámoslle moita sorte aos Esquíos Roqueiros!

luns, 10 de marzo de 2025

Exposición sobre Torrente Ballester en Ferrol


Desde o sábado 8 de marzo e ata o 30 de abril, o centro cultural de Ferrol Gonzalo Torrente Ballester, acolle a exposición que leva por título Gonzalo Torrente Ballester, La Travesía de un Creador. Trátase dun percorrido pola biografía deste autor ferrolán, que amosa fondos bibliográficos, gráficos, documentais e materiais conservados tanto na propia Biblioteca Nacional como na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela. Xunto ás 130 pezas expostas, tamén se pode ver o documental GTBxGTB, producido en 2010 pola Sociedad Estatal de Conmemeoraciones Culturales (SECC) e a Fundación Gonzalo Torrrente Ballester.

sábado, 8 de marzo de 2025

Máis igualdade polo Día da Muller

Neste enlace compartimos con vós todas as iniciativas publicadas no Portal das palabras que están relacionadas coa conmemoración do 8M, Día da Muller, e a defensa da igualdade. Non volas perdades, porque conteñen información moi interesante.

Polo 8 de marzo, un pouco da nosa historia


A Fábrica de Tabacos da Palloza, localizada na Coruña, comezou a elaborar tabaco no ano 1807. Nela traballaban fundamentalmente mulleres, as cigarreiras, que, como sucedía con todos os colectivos femininos, tiveron que soportar que os seus salarios fosen moito menores que os dos homes, aínda que realizasen un traballo similar.  

No ano 1857, na Fábrica da Palloza tivo lugar unha das folgas máis importantes da nosa historia a consecuencia de que os xefes decidiron introducir máquinas que aforrarían custos e tempos de traballo. Isto supoñía un grave inconveniente para as cigarreiras, xa que estas mulleres cobraban por cigarro producido e, ao non saber utilizar as máquinas, tardaban tanto en elaboralos que viron o seu soldo claramente reducido. Ante esta situación, as cigarreiras intentaron destruír as máquinas, acabando moitas delas no mar. As protestas acadaron tal nivel de descontrol que os gobernantes decidiron enviar o exército para sofocalas. Máis de 20 mulleres foron detidas e enviadas ao cárcere. 

Esta folga converteuse en todo un símbolo da loita feminista, por iso queremos recordala neste 8M.

8 de marzo: Mulleres que foron donas de si

 
Preme na imaxe para ver os carteis

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, estes días contamos no noso IES coa exposición que podedes ver nas imaxes, e a través da que queremos dar a coñecer a mulleres que foron donas de si e superaron a fenda de xénero, aínda que con antrancos.

Podedes desfrutar desta exposición e descubrir as súas obras grazas ao traballo do equipo de biblioteca do CIFP Ferrolterra e a Juan Casal, que nola cedeu.

Ademais, podedes realizar o boletín da exposición, elaborado pola Biblioteca do noso centro e, se os nomes das mulleres son correctos, conseguiredes unha pegatina de cada unha delas. Animádevos a participar!

venres, 7 de marzo de 2025

Premio CEDRO 2025 para Manuel Rivas

Tras recibir o Premio Nacional das Letras, o escritor Manuel Rivas é obxecto dun novo recoñecemento, o Premio CEDRO, concedido polo Centro Español de Derechos Reprográficos. A decisión susténtase no recoñecemento do seu firme compromiso coa cultura, así como a súa achega á defensa dos dereitos de autor e a propiedade intelectual. 

xoves, 6 de marzo de 2025

A Rosa Incandescente

Hoxe desfrutamos da compaña de Rosalía de Castro, que veu visitarnos da man dunha ferramenta incrible: o cinema. 

Grazas á creatividade e esforzo de Anxos García Fonte, o alumnado de 3º ESO e 1º BAC achegouse á figura da nosa poeta máis internacional.

A Rosa Incandescente presenta as inquedanzas, dúbidas e preocupacións dunha Rosalía moi nova que xa quería ser dona de si, asinar os seus traballos co seu nome e dar valor ao traballo dunha muller. A Rosalía doente pola súa familia, nai e fillos; a Rosalía autora, a Rosalía feminista é a representada na curta de Anxos García Fonte, guionista e produtora que soubo escoller os ambientes interiores e exteriores da nosa terra cunha gran sensibilidade.

Un privilexio contar con ela no noso centro para achegar os rapaces á súa figura.

Moitas grazas Anxos e tamén a todos os que a axudaron a crear esta marabilla.

xoves, 27 de febreiro de 2025

XXV certame de poesía e imaxe. En galego, sen filtro

Este curso participamos no XXV certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol. A obra que presentamos desde o noso centro é a que vos deixamos na imaxe, realizada por Dai Minh González Soto, de 1º B da ESO. 

Desexámoslle moita sorte a Minh e damos as grazas a todos/as aqueles alumnos/as que presentastes as vosas obras para este certame! 

mércores, 26 de febreiro de 2025

Uns peliqueiros moi artísticos

A proposta do EDLG, o alumnado de 1º e de 3º da ESO realizou, guiado polo seu profesor de Educación Plástica, estas fantásticas carautas de peliqueiro que vedes na presentación e que temos expostas no instituto.

O peliqueiro é un personaxe do Entroido galego propio de Laza e Verín que se caracteriza por levar un traxe artesanal, moi vistoso e elaborado, do cal destaca a máscara, que se prolonga na parte superior nunha especie de mitra de lata adornada con símbolos animais ou astrais, e remata na parte posterior nunha pelella de gato ou coello (a pelica). Este personaxe paséase polas rúas da vila facendo ruído coas chocas que lle penduran do cinto e en actitude ameazante cun látego na man. O seu disfrace considérase o máis antigo dos que conservamos no Entroido galego.

venres, 21 de febreiro de 2025

Día da Lingua Materna

O 21 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, proclamado pola UNESCO hai 25 anos. Este día lembra a importancia de preservar as linguas para salvagardar o patrimonio cultural, mellorar a educación e fomentar sociedades máis pacíficas.

Hoxe queremos reivindicar a nosa lingua, o galego. Queremos defender o seu uso e recordar a importancia que temos cada un de nós no logro de que perdure no tempo.

mércores, 19 de febreiro de 2025

Fernando Calvet, científico galego do ano


A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu a Fernando Calvet como Científico Galego do Ano. Este home é considerado o introdutor da Bioquímica moderna en España, así como o iniciador da investigación en Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde puxo en marcha un laboratorio de prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación. A RAGC destacou que Calvet achegou un "aire europeo" ás formas docentes e apostou pola "sociabilidade universitaria", organizando xornadas de té, música e excursións.

O acto central da homenaxe terá lugar o 8 de outubro de 2025, no marco do Día da Ciencia en Galicia, pero programaranse actividades para dar a coñecer a figura deste científico así como das súas contribucións á sociedade durante todo o ano.

martes, 18 de febreiro de 2025

Conmemoración do Día de Rosalía a través da Bioloxía

Para conmemorar o Día de Rosalía, e utilizando como inspiración o libro O herbario de Rosalía (do que temos exemplares na nosa biblioteca), o alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato fixo este proxecto no que, a partir dos versos da autora, estudou as características biolóxicas de distintas especies de plantas. Temos a exposición dos carteis no corredor da planta baixa do instituto e tamén volos deixamos aquí. Parabéns ao alumnado polo seu traballo!

venres, 14 de febreiro de 2025

Premios do I Concurso de memes polo Día de Castelao

Este venres fixemos a entrega de premios aos/ás alumnos/as gañadores/as do I Concurso de memes polo Día de Castelao. Aos membros do xurado costounos bastante decidir, xa que tiñamos moitos traballos de gran enxeño e creatividade.

Moitos parabéns a Marta, Nerea, Kevin, Santi e Christian! E, por suposto, moitas grazas a todos/as os/as participantes!

martes, 11 de febreiro de 2025

Científicas galegas


Hoxe, Día da Muller e da Nena na Ciencia, queremos compartir con vós esta nova de gCiencia, a través da que poderedes coñecer brevemente a vida e a traxectoria de 21 mulleres galegas que son un referente en diferentes disciplinas científicas. Porque a Ciencia tamén é feminina!

luns, 10 de febreiro de 2025

Día da Muller e da Nena na Ciencia

Para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia, no Club de ciencia traballamos a figura de Anna Atkins e fixemos as nosas propias cianotipias. Ademais, en colaboración co EDLG, elaboramos unha presentación sobre esta científica. Todos estes traballos témolos expostos no noso corredor. Para que poidades velos, deixámosvos unha presentación. Esperamos que vos guste!

domingo, 9 de febreiro de 2025

Falece Xosé Vizoso aos 75 anos de idade


Hai uns días dedicamos unha entrada ao deseñador Xosé Vizoso, homenaxeado polo Día da Ilustración 2025. Lamentablemente, hoxe temos que informar da triste nova do seu pasamento, aos 75 anos de idade.

venres, 7 de febreiro de 2025

Hai 190 anos nacía Eduardo Pondal


O 8 de febreiro de 1835 nacía en Ponteceso Eduardo Pondal, autor do himno galego e  unha das máximas figuras do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Coa súa lingua literaria, enxalzou a natureza e a paisaxe agreste das terras de Bergantiños e do Xallas, sempre presentes na súa obra. 

mércores, 5 de febreiro de 2025

VII Olimpíada cultural

Este luns comezou a xa tradicional Olimpíada Cultural, que vai pola súa sétima edición, e que consta de preguntas acerca de todo tipo de disciplinas. Serán capaces os nosos alumnos/as de dar con todas as respostas??

Moita sorte a todos/as os participantes!! Esperamos que o pasedes moi ben tratando de resolver os retos e, sobre todo, que aprendades!