Amosando publicacións coa etiqueta autores galegos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta autores galegos. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de marzo de 2025

Hoxe recordamos a Carvalho Calero


Tal día coma hoxe de 1990 finaba en Santiago de Compostela Ricardo Carvalho Calero. Ferrolán de nacemento, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista, escritor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Assosiaçom Galega da Língua. Considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero.

venres, 7 de febreiro de 2025

Hai 190 anos nacía Eduardo Pondal


O 8 de febreiro de 1835 nacía en Ponteceso Eduardo Pondal, autor do himno galego e  unha das máximas figuras do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Coa súa lingua literaria, enxalzou a natureza e a paisaxe agreste das terras de Bergantiños e do Xallas, sempre presentes na súa obra. 

sábado, 18 de xaneiro de 2025

Falece Bernardino Graña aos 92 anos de idade


Esta madrugada faleceu en Nigrán o poeta do mar, Bernardino Graña, aos 92 anos de idade. Nado en Cangas, o escritor, na súa mocidade, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e a súa voz converteuse nunha das máis recoñecidas polo público e a crítica das letras galegas contemporáneas. A paisaxe, a fala, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que medrou deixaron unha fonda pegada na lírica do autor, que tamén cultivou o teatro e a narrativa.
Que a terra che sexa leve, Bernardino!

martes, 7 de xaneiro de 2025

Tal día coma hoxe do ano 1913 nacía Fernández del Riego



Tal día coma hoxe do ano 1913, nacía en Vilanova de Lourenzá o intelectual e activista político Francisco Fernández del Riego quen, desde os anos 30, desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega co que continuou ata os seus últimos meses de vida. Isto fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Este autor foi a figura homenaxeada nas Letras Galegas de 2023.

xoves, 12 de decembro de 2024

M8 por ler!

Sumámonos á campaña da Fundación xistral "M8 por ler!" e animámosvos a que leades en galego, porque hai moitísimas historias das que gozar na nosa lingua.

mércores, 4 de decembro de 2024

Diego Giráldez gaña o Premio de Novela Eduardo Blanco Amor


O escritor porriñés Diego Giráldez vén de gañar estes días o XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco Amor pola súa novela As obras póstumas, da que o xurado destacou o seu "estilo directo, rico e cargado de simbolismo", así como a creación dunha "atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria que amosa a cruda realidade da enfermidade psiquiátrica no pasado sen caer en estereotipos". 

Trátase dun galardón organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor e a Deputación de Ourense. Con el, Giráldez consolídase como un dos autores máis destacados da narrativa galega contemporánea.

xoves, 28 de novembro de 2024

Inauguración da exposición "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza"

Desde o 3 ata o 29 de decembro de 2024, poderá verse no Museo do Pobo Galego a exposición titulada 75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza, unha mostra bibliográfica sobre a derradeira obra de Castelao, que escribiu en decembro de 1949, cando estaba exiliado na Arxentina, como resultado de moitos anos de investigación sobre estas particulares mostras de relixiosidade popular. Trátase dun detallado estudo no que se describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos.

martes, 29 de outubro de 2024

Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras 2024


O escritor galego Manuel Rivas foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2024. O xurado destacou do autor "a extraordinaria calidade narrativa" e "unha traxectoria versátil e coherente, construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega".