Esperamos que desfrutedes da reportaxe gráfica da visita tanto como nós desfrutamos do día!
mércores, 20 de maio de 2026
Visita a Celanova
martes, 1 de abril de 2025
Visita ao Salón do Libro 2025
O pasado venres 28 asistimos ao Salón do Libro de Pontevedra xunto co club de lectura do IES Breamo. Ademais da nosa visita guiada ao Salón, desfrutamos dun encontro con Fran Alonso, quen nos presentou a súa última obra "A revolta da lectura"; asistimos ao musical Os miserabeis, interpretado polo alumnado e profesorado do IES Illa de Ons de Bueu; visitamos no Museo Provincial os fondos da exposición arqueolóxica que teñen, así como a sala Castelao coas súas obras... Un pracer no Ano Castelao no que lembramos os 75 anos do seu pasamento.
martes, 28 de xaneiro de 2025
Club de lectura de adultos: Pel de cordeiro
Hoxe, no club de lectura de adultos, no que participamos profes en activo, profes xubilados e familias do alumnado, tivemos unha sesión dedicada a comentar a novela Pel de cordeiro, de Ledicia Costas, unha obra que conecta as meigas galegas do século XIX coa actualidade.
Deixámosvos a continuación a sinopse do libro:
Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio e afonda nos segredos das plantas medicinais. Críase nunha consulta demencial, onde acoden enfermos con todo tipo de doenzas. Nos últimos anos da Inquisición, no medio da fame e a miseria, elas son o máis semellante a un doutor que existe en Merlo, pero cunha diferenza: son necesarias pero tamén odiadas. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Entra en contacto cunhas forzas que non comprende. A ruptura coa súa parella, as súas dúbidas sobre a maternidade e o desbloqueo de recordos que tiña esquecidos provócanlle un colapso. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía. Unha novela hipnótica, que explora o erotismo e a escuridade e nos envolve nunha atmosfera tan terrible como preciosa.
Animádesvos a lelo?

