Amosando publicacións coa etiqueta amor pola lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta amor pola lingua. Amosar todas as publicacións

luns, 24 de marzo de 2025

Dai Minh, un dos gañadores do XXV certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro

Hoxe coñecimos que Dai Minh González Soto, alumno de 1º B da ESO no noso IES, é un dos gañadores do certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol.

A súa obra, xunto coa do resto de gañadores e gañadoras, será exposta en Ferrol, e haberá un acto para a entrega de premios. Informarémosvos tan pronto como coñezamos as datas dos eventos. 

Moitos parabéns a Dai Minh!!


venres, 21 de marzo de 2025

Día Mundial da Poesía

Hoxe celébrase o Día Mundial da Poesía e queremos conmemoralo con estes versos de Rosalía de Castro, recollidos na súa obra Cantares gallegos, un poemario que bebe directamente da poesía popular. É precisamente por esta razón, que no ano no que se dedica o Día das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, eliximos este poema. Esperamos que vos guste!

xoves, 20 de marzo de 2025

A triste realidade da nosa lingua


Hoxe tivemos a oportunidade de estar nos Encontros PLAMBE 2025, onde houbo un espazo para a reflexión sobre a emerxencia lingüística que está a vivir o galego, tamén na lectura. Esperamos poder contribuír a revertir esta situación a través do noso labor docente.

martes, 11 de marzo de 2025

A mocidade coa lingua 2025

Este curso, o noso IES presenta un grupo musical de alumnado ao festival A mocidade coa lingua, que se celebrará o 11 de abril no Auditorio de Ferrol. Desde aquí, desexámoslle moita sorte aos Esquíos Roqueiros!

xoves, 27 de febreiro de 2025

XXV certame de poesía e imaxe. En galego, sen filtro

Este curso participamos no XXV certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol. A obra que presentamos desde o noso centro é a que vos deixamos na imaxe, realizada por Dai Minh González Soto, de 1º B da ESO. 

Desexámoslle moita sorte a Minh e damos as grazas a todos/as aqueles alumnos/as que presentastes as vosas obras para este certame! 

venres, 21 de febreiro de 2025

Día da Lingua Materna

O 21 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, proclamado pola UNESCO hai 25 anos. Este día lembra a importancia de preservar as linguas para salvagardar o patrimonio cultural, mellorar a educación e fomentar sociedades máis pacíficas.

Hoxe queremos reivindicar a nosa lingua, o galego. Queremos defender o seu uso e recordar a importancia que temos cada un de nós no logro de que perdure no tempo.

martes, 18 de febreiro de 2025

Conmemoración do Día de Rosalía a través da Bioloxía

Para conmemorar o Día de Rosalía, e utilizando como inspiración o libro O herbario de Rosalía (do que temos exemplares na nosa biblioteca), o alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato fixo este proxecto no que, a partir dos versos da autora, estudou as características biolóxicas de distintas especies de plantas. Temos a exposición dos carteis no corredor da planta baixa do instituto e tamén volos deixamos aquí. Parabéns ao alumnado polo seu traballo!

venres, 7 de febreiro de 2025

Hai 190 anos nacía Eduardo Pondal


O 8 de febreiro de 1835 nacía en Ponteceso Eduardo Pondal, autor do himno galego e  unha das máximas figuras do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Coa súa lingua literaria, enxalzou a natureza e a paisaxe agreste das terras de Bergantiños e do Xallas, sempre presentes na súa obra. 

xoves, 9 de xaneiro de 2025

Plataformas para ver películas e series en galego


Facémonos eco da información publicada por As Chaves da Lingua e deixámosvos unha listaxe de plataformas nas que podedes ver películas e series en galego:

  • A web da TVG, cunha gran oferta de programas, series e películas.
  • Pipocas, unha iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística para recompilar películas e series que están dispoñibles na nosa lingua tanto dobradas como subtituladas.
  • Filmin, unha das poucas plataformas comerciais que inclúe contido en galego, tanto dobrado como subtitulado. Nela podedes atopar filmes de autores galegos, clásicos dobrados e documentais.
  • Vogal, unha plataforma dixital que promove o cinema galego. Ofrece un catálogo de filmes, documentais e curtametraxes de creación galega, dando visibilidade ao traballo de cineastas e artistas que apostan pola nosa lingua.
  • Agalinhas, unha canle de Youtube para os máis pequenos/as.
  • A páxina oficial do Xabarín, que permite acceder a unha selección de series e programas que marcaron unha época, dobrados ao galego.
  • Dragon Ball en galego, unha páxina que recompila os episodios clásicos da serie, dobrados é nosa lingua.
Agardamos que esta información vos sexa útil e que vos animedes a consumir audiovisual en galego!

venres, 27 de decembro de 2024

Palabra do ano 2024


Xa temos palabra do ano 2024! E aínda que esteamos de vacacións, non podiamos deixar de anunciárvolo. Trátase da palabra cantareira, que foi a máis votada na elección popular que promoven a Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das palabras.

xoves, 12 de decembro de 2024

M8 por ler!

Sumámonos á campaña da Fundación xistral "M8 por ler!" e animámosvos a que leades en galego, porque hai moitísimas historias das que gozar na nosa lingua.

mércores, 11 de decembro de 2024

Palabra do Ano 2024


Unha vez rematada a primeira fase para escoller a palabra do ano 2024, quedaron como finalistas as seguintes: aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu/miña. Cal é a túa favorita? Xa podes votar por ela no Portal das Palabras. Tes ata o mércores 25 de decembro ás 23:59.

martes, 26 de novembro de 2024

Palabra do Ano 2024


Un ano máis, o portal das palabras promove a escolla da Palabra do Ano, co obxectivo de que tomemos conciencia do valor da lingua e do que designan as palabras que eliximos e creamos. Tes ata o día 8 de decembro ás 23:59 para enviar a túa poposta e participar na primeira fase. Anímaste? 

Deixámoste aquí a ligazón na que poderás atopar toda a información sobre esta iniciativa.

xoves, 21 de novembro de 2024

E ti, como lle chamas á chuvia miúda?

Neste día de tanta choiva, propoñemos vocabulario relacionado coa máis miúda. Cantas maneiras diferentes coñeces para nomeala?

luns, 28 de outubro de 2024

E ti, cantas maneiras diferentes coñeces de nomear as castañas?

Achégase o Magosto e de seguro que vas comer castañas. Pero, saberías dicir o nome concreto dunha castaña cocida? E o dunha castaña que se desprende por si mesma do ourizo? E o dunha castaña oca? Deixámoste aquí uns cantos termos que fan referencia a eses conceptos!



luns, 14 de outubro de 2024

Día das Escritoras

Desde o ano 2016, o luns máis próximo ao 15 de outubro, aniversario do falecemento de Teresa de Jesús, conmemórase o Día das Escritoras. Desde o EDLG queremos renderlle homenaxe a todas aquelas escritoras que, coas súas creacións, contribúen ou contribuíron á difusión da lingua e a cultura galegas.

venres, 11 de outubro de 2024

O castelán xa é a lingua máis falada en Galicia

A nova enquisa estrutural de fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xá é a lingua predominante en Galicia. É a primaira vez na historia que nunha enquisa destas características o galego ten unha porcentaxe de falantes habituais inferior ao castelán. Un dos datos máis sorprendentes é que no grupo de 5 a 14 anos a porcentaxe de persoas que non saben falar ou que falan moi pouco galego é do 32,44%, o que significa que en cinco anos duplicouse o número de nenos e nenas que non falan galego.


    Con respecto a isto, deixámosvos a seguinte relfexión, compartida por Orgullo Galego:


venres, 27 de setembro de 2024

Os dereitos do galego

Tras o Día Europeo das Linguas, sumámonos á petición de que se cumpran para o galego as recomendacións do Consello de Europa.

Preme aquí para ler a información completa

xoves, 26 de setembro de 2024

Día Europeo das Linguas

Desde o ano 2001, o 26 de setembro conmemórase o Día Europeo das Linguas, que este ano ten o lema Linguas para a paz. O obxectivo desta data é poñer en valor a diversidade lingüística da Unión Europea e promover a aprendizaxe de idiomas en toda Europa en persoas de calquera idade.

Desde o EDLG creamos este Wordle para que xoguedes e adiviñedes a palabra galega agochada. Esperamos que o desfrutedes!



luns, 2 de setembro de 2024

Benvida ao curso 2024-2025

Iniciamos o curso escolar e con el inauguramos este blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega no IES Fernando Esquío. Dámosvos a benvida con este fermoso poema de Manuel María: