Amosando publicacións coa etiqueta cultura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cultura galega. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de outubro de 2025

Bicentenario do nacemento de Avelina Valladares


Tal día coma hoxe de hai 200 anos nacía na Estrada Avelina Valladares, pioneira da literatura galega. Foi unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora no emprego da lingua galega nalgúns dos seus poemas.

A pesar de ter unha profunda formación relixiosa, Avelina rompeu coas normas sociais da súa época, rexeitando unha e outra vez os pretendentes que viñan "salvala" da súa soltería. A emigración, Galicia, a orfandade, a fe e a súa propia familia foron temas recorrentes nas súas composicións.

Ademais dos seus textos, a autora deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos.

martes, 21 de outubro de 2025

Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa

 


Antía Yáñez vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil 2025, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Bragakadabra. O xurado destacou por unanimidade o humor, a imaxinación, a fantasía e a tenrura da obra, así como a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación persoal e o empoderamento nun relato pensando para lectores novos pero de alcance universal.

Anímate a ler algunha das obras desta autora. Temos moitas delas na nosa biblioteca!


luns, 16 de xuño de 2025

Lendas galegas: podcasts do alumnado de 1º da ESO

A continuación deixámosvos uns podcasts sobre lendas galegas creados polo alumnado de 1º da ESO do noso instituto no marco do Plan Proxecta Antón Fraguas.

 

luns, 21 de abril de 2025

XX Xornadas Literarias de Neda dedicadas a Castelao

 

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentou na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das Palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura Pantasmas de papel, do IES Fernando Esquío, e mais a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

Seguir lendo...

venres, 28 de marzo de 2025

Día das Artes Galegas 2025

Este ano, o Día das Artes Galegas, que se conmemora o 1 de abril, está dedicado a Isaac Díaz Pardo. O EDLG elaborou a presentación que podedes ver nas diapositivas, que xa se atopa colocada no corredor do noso IES. Non deixedes de aprender sobre este referente cultural galego tan importante!

martes, 25 de marzo de 2025

Hoxe recordamos a Carvalho Calero


Tal día coma hoxe de 1990 finaba en Santiago de Compostela Ricardo Carvalho Calero. Ferrolán de nacemento, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista, escritor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Assosiaçom Galega da Língua. Considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero.

venres, 21 de marzo de 2025

Día Mundial da Poesía

Hoxe celébrase o Día Mundial da Poesía e queremos conmemoralo con estes versos de Rosalía de Castro, recollidos na súa obra Cantares gallegos, un poemario que bebe directamente da poesía popular. É precisamente por esta razón, que no ano no que se dedica o Día das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, eliximos este poema. Esperamos que vos guste!

mércores, 19 de marzo de 2025

Semana do Cinema Galego

Do 26 ao 29 de marzo, terá lugar a sexta edición da Semana do Cinema Galego, que se levará a cabo no Teatro Colón da Coruña. Durante estes catro días exhibiranse oito das producións máis recentes e recoñecidas da industria cinematográfica asinada en Galicia. A entrada é de balde ata completar aforo. Tedes toda a información sobre a programación aquí. Non vos perdades este evento!

xoves, 13 de marzo de 2025

Luis Seoane será homenaxeado non Día da Poesía

O vindeiro 21 de marzo celébrase o Día da Poesía e, este ano, a Real Academia Galega dedicaralle este día a Luis Seoane. A fundación creada para o estudo da obra do artista e escritor (rúa San Francisco, 27 – A Coruña) acollerá o xoves 27 de marzo ás 19:00 horas un acto arredor do seu universo creativo cunha ollada interdisciplinaria. Este acto é de entrada libre e poderá seguirse en directo desde academia.gal.

luns, 10 de marzo de 2025

Exposición sobre Torrente Ballester en Ferrol


Desde o sábado 8 de marzo e ata o 30 de abril, o centro cultural de Ferrol Gonzalo Torrente Ballester, acolle a exposición que leva por título Gonzalo Torrente Ballester, La Travesía de un Creador. Trátase dun percorrido pola biografía deste autor ferrolán, que amosa fondos bibliográficos, gráficos, documentais e materiais conservados tanto na propia Biblioteca Nacional como na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela. Xunto ás 130 pezas expostas, tamén se pode ver o documental GTBxGTB, producido en 2010 pola Sociedad Estatal de Conmemeoraciones Culturales (SECC) e a Fundación Gonzalo Torrrente Ballester.

venres, 7 de marzo de 2025

Premio CEDRO 2025 para Manuel Rivas

Tras recibir o Premio Nacional das Letras, o escritor Manuel Rivas é obxecto dun novo recoñecemento, o Premio CEDRO, concedido polo Centro Español de Derechos Reprográficos. A decisión susténtase no recoñecemento do seu firme compromiso coa cultura, así como a súa achega á defensa dos dereitos de autor e a propiedade intelectual. 

xoves, 6 de marzo de 2025

A Rosa Incandescente

Hoxe desfrutamos da compaña de Rosalía de Castro, que veu visitarnos da man dunha ferramenta incrible: o cinema. 

Grazas á creatividade e esforzo de Anxos García Fonte, o alumnado de 3º ESO e 1º BAC achegouse á figura da nosa poeta máis internacional.

A Rosa Incandescente presenta as inquedanzas, dúbidas e preocupacións dunha Rosalía moi nova que xa quería ser dona de si, asinar os seus traballos co seu nome e dar valor ao traballo dunha muller. A Rosalía doente pola súa familia, nai e fillos; a Rosalía autora, a Rosalía feminista é a representada na curta de Anxos García Fonte, guionista e produtora que soubo escoller os ambientes interiores e exteriores da nosa terra cunha gran sensibilidade.

Un privilexio contar con ela no noso centro para achegar os rapaces á súa figura.

Moitas grazas Anxos e tamén a todos os que a axudaron a crear esta marabilla.

mércores, 26 de febreiro de 2025

Uns peliqueiros moi artísticos

A proposta do EDLG, o alumnado de 1º e de 3º da ESO realizou, guiado polo seu profesor de Educación Plástica, estas fantásticas carautas de peliqueiro que vedes na presentación e que temos expostas no instituto.

O peliqueiro é un personaxe do Entroido galego propio de Laza e Verín que se caracteriza por levar un traxe artesanal, moi vistoso e elaborado, do cal destaca a máscara, que se prolonga na parte superior nunha especie de mitra de lata adornada con símbolos animais ou astrais, e remata na parte posterior nunha pelella de gato ou coello (a pelica). Este personaxe paséase polas rúas da vila facendo ruído coas chocas que lle penduran do cinto e en actitude ameazante cun látego na man. O seu disfrace considérase o máis antigo dos que conservamos no Entroido galego.

domingo, 9 de febreiro de 2025

Falece Xosé Vizoso aos 75 anos de idade


Hai uns días dedicamos unha entrada ao deseñador Xosé Vizoso, homenaxeado polo Día da Ilustración 2025. Lamentablemente, hoxe temos que informar da triste nova do seu pasamento, aos 75 anos de idade.

venres, 7 de febreiro de 2025

Hai 190 anos nacía Eduardo Pondal


O 8 de febreiro de 1835 nacía en Ponteceso Eduardo Pondal, autor do himno galego e  unha das máximas figuras do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Coa súa lingua literaria, enxalzou a natureza e a paisaxe agreste das terras de Bergantiños e do Xallas, sempre presentes na súa obra. 

mércores, 29 de xaneiro de 2025

Conmemoramos a Urbano Lugrís


O 28 de xaneiro de 1908 nacía na Coruña Urbano Lugrís, un dos artistas galegos máis destacados do século XX. A súa pintura desenvolveuse entre dous mundos, o real e o onírico, e caracterízase por estar impregnada de simbolismo e misterio. A obra de Lugrís reflicte a súa fascinación polo mar así como polas lendas celtas. 

Deixámosvos o folleto do 50 aniversario do seu pasamento, elaborado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e no que podedes atopar un resumo da súa vida e obra.

sábado, 18 de xaneiro de 2025

Falece Bernardino Graña aos 92 anos de idade


Esta madrugada faleceu en Nigrán o poeta do mar, Bernardino Graña, aos 92 anos de idade. Nado en Cangas, o escritor, na súa mocidade, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e a súa voz converteuse nunha das máis recoñecidas polo público e a crítica das letras galegas contemporáneas. A paisaxe, a fala, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que medrou deixaron unha fonda pegada na lírica do autor, que tamén cultivou o teatro e a narrativa.
Que a terra che sexa leve, Bernardino!

xoves, 16 de xaneiro de 2025

Premios Youtubeiras+ 2024


O sábado 1 de febreiro de 2025 terá lugar no Pazo da Cultura de Narón, ás 19 horas, a gala de entrega de premios Youtubeiras+. Estará conducida por Javi Sánchez (Meiga-i) e contará coa actuación musical de De Ninghures. A entrada é de balde. Se che interesa asistir, tes toda a información aquí.

Ademais, previamente á gala, de 17 h a 17.50 h, Nuria Espasandín e Sergio Casal de Toxío, impartirán un obradoiro para crear contidos na Rede a través de consellos prácticos. Así mesmo, darán a coñecer os contidos en galego na Internet e ofrecerán ferramentas e recursos na nosa lingua para resolver todas as  dúbidas lingüísticas que poidades ter.

Por se fose pouco, entre o obradoiro e a gala, haberá un aperitivo na entrada do propio Pazo da Cultura, onde relaxarse antes da entrega de premios, posar diante da cámara, rexoubar sobre quen cres que serán as canles vencedoras e responder ás preguntas de Gabri Fuentes en directo para as redes.

Non perdades esta ocasión!

Se aínda non sabedes que é Youtubeiras+, entrade neste enlace, onde tedes toda a información sobre o proxecto.

martes, 7 de xaneiro de 2025

Tal día coma hoxe do ano 1913 nacía Fernández del Riego



Tal día coma hoxe do ano 1913, nacía en Vilanova de Lourenzá o intelectual e activista político Francisco Fernández del Riego quen, desde os anos 30, desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega co que continuou ata os seus últimos meses de vida. Isto fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Este autor foi a figura homenaxeada nas Letras Galegas de 2023.

2025: Ano Castelao

Tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950, morría no exilio de Bos Aires Afonso Daniel Rodríguez Castelao, cumpríndose, polo tanto, 75 anos do seu pasamento. Para conmemorar esta data, a RAG quere lembrar a súa figura e o seu legado estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con quen, en palabras do presidente da institución é "sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea".

No IES tamén faremos actividades relacionadas en torno a Castelao que vos iremos presentando neste espazo.