martes, 21 de outubro de 2025

Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa

 


Antía Yáñez vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil 2025, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Bragakadabra. O xurado destacou por unanimidade o humor, a imaxinación, a fantasía e a tenrura da obra, así como a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación persoal e o empoderamento nun relato pensando para lectores novos pero de alcance universal.

Anímate a ler algunha das obras desta autora. Temos moitas delas na nosa biblioteca!


domingo, 5 de outubro de 2025

Entrega de premio no Muíño de Xuvia

Venres 3 de outubro, Noa Martínez Rodríguez de 4º ESO, recibe no Muíño de Xuvia o premio ao  debuxo máis votado da exposición sobre as pontes e o Muíño de Xuvia realizados por alumnado de 3º ESO durante o curso 24-25. Actividade que estivo enmarcada dentro das realizadas no Proxecto Didáctico de patrimonio, Antón Fraguas.




martes, 23 de setembro de 2025

II Concurso de microrrelatos de Samaín


Desde o EDLG e a Biblioteca do IES Fernando Esquío, un ano máis, propoñémosvos un concurso de microrrelatos para o Samaín. Podedes consultar as bases aquí, así coma nos carteis que hai colocados polo centro. Animádevos a participar e sede creativos! Hai premio para o mellor microrrelato de cada categoría!

luns, 15 de setembro de 2025

Inicio dun novo curso escolar

9 de setembro, ainda en tempo de celebración das festas patronais de San Nicolás en Neda, iniciamos un novo curso co acompañamento de gaita e tamboril.




luns, 23 de xuño de 2025

Revista Trovador Esquío

Tras meses de traballo e para pechar este curso, por fin podemos compartir con vós o primeiro número da revista Trovador Esquío, na que se recollen moitas das actividades realizadas ao longo do curso polos diferentes niveis e grupos. Esperamos que vos guste e que en edicións posteriores vos animedes a participar con máis crónicas!

venres, 20 de xuño de 2025

Letras Galegas 2026 dedicadas a Begoña Caamaño


As Letras Galegas do ano 2026 estarán dedicadas á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño. A autora foi elixida entre catro candidaturas, que incluían tamén a Antón Tovar, Enrique Labarta Pose e Miguel González Garcés. Polo tanto, a que se homenaxeará o próximo 17 de maio volverá ser unha voz feminina. En palabras do texto da candidatura "Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños".

luns, 16 de xuño de 2025

Lendas galegas: podcasts do alumnado de 1º da ESO

A continuación deixámosvos uns podcasts sobre lendas galegas creados polo alumnado de 1º da ESO do noso instituto no marco do Plan Proxecta Antón Fraguas.