mércores, 5 de novembro de 2025

Celebración do Samaín


O pasado xoves 30 de outubro celebramos o Samaín no noso IES. Antes do recreo, a marcha da Santa Compaña, capitaneada pola nosa encargada de Biblioteca, Begoña, desfilou polo corredor e polas aulas, acompañada dunha melodía terrorífica a cargo de alumnado de 3º da ESO, que tocou xunto coa súa profe de Música, Teresa. 

Ademais, tamén alumnado de 3º da ESO fixo un túnel do terror no que había que ser moi valente para atreverse a entrar. Pero isto non foi todo, senón que durante a celebración repartíronse os premios do concurso de microrrelatos de Samaín e puidemos desfrutar dun rico chocolate. 

Os titores e titoras tamén fixeron un labor mrabilloso para ambientar o instituto e decoraron portas e taboleiros das aulas co seu alumnado. Por último, os estudantes de Anatomía aplicada de 1º de Bacharelato fixeron uns magníficos traballos sobre enfermidades terroríficas, relacionándoas con diversas personaxes do Samaín.

Deixámosvos un resumo da nosa celebración na presentación!

martes, 28 de outubro de 2025

Play List. Concerto didáctico da Real Filarmonía

 O venres 24 de outubro, o alumnado de 3º ESO tivo a ocasión de asistir ao concerto didáctico Play List, ofercido pola orquestra Real Filarmonía no Auditorio de Galicia en Santiago, dirixida por Sebastián Zinca e apoiada co relato de Miguel Anxo Caxigal "O Barroquista". Neste concerto exploramos as emocións que pode provocar en nós a música clásica, a través de obras de varios compositores como Biber, J. Strauss, Händel, Morricone ou Beethoven. 

Vídeo da entrevista a Miguel Anxo Caxigal



xoves, 23 de outubro de 2025

Bicentenario do nacemento de Avelina Valladares


Tal día coma hoxe de hai 200 anos nacía na Estrada Avelina Valladares, pioneira da literatura galega. Foi unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora no emprego da lingua galega nalgúns dos seus poemas.

A pesar de ter unha profunda formación relixiosa, Avelina rompeu coas normas sociais da súa época, rexeitando unha e outra vez os pretendentes que viñan "salvala" da súa soltería. A emigración, Galicia, a orfandade, a fe e a súa propia familia foron temas recorrentes nas súas composicións.

Ademais dos seus textos, a autora deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos.

martes, 21 de outubro de 2025

Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa

 


Antía Yáñez vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil 2025, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Bragakadabra. O xurado destacou por unanimidade o humor, a imaxinación, a fantasía e a tenrura da obra, así como a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación persoal e o empoderamento nun relato pensando para lectores novos pero de alcance universal.

Anímate a ler algunha das obras desta autora. Temos moitas delas na nosa biblioteca!


domingo, 5 de outubro de 2025

Entrega de premio no Muíño de Xuvia

Venres 3 de outubro, Noa Martínez Rodríguez de 4º ESO, recibe no Muíño de Xuvia o premio ao  debuxo máis votado da exposición sobre as pontes e o Muíño de Xuvia realizados por alumnado de 3º ESO durante o curso 24-25. Actividade que estivo enmarcada dentro das realizadas no Proxecto Didáctico de patrimonio, Antón Fraguas.




martes, 23 de setembro de 2025

II Concurso de microrrelatos de Samaín


Desde o EDLG e a Biblioteca do IES Fernando Esquío, un ano máis, propoñémosvos un concurso de microrrelatos para o Samaín. Podedes consultar as bases aquí, así coma nos carteis que hai colocados polo centro. Animádevos a participar e sede creativos! Hai premio para o mellor microrrelato de cada categoría!

luns, 15 de setembro de 2025

Inicio dun novo curso escolar

9 de setembro, ainda en tempo de celebración das festas patronais de San Nicolás en Neda, iniciamos un novo curso co acompañamento de gaita e tamboril.