sábado, 30 de novembro de 2024

Tal día coma hoxe do ano 1834, Domingo Fontán entrega a Carta Xeométrica de Galicia

Hoxe cúmprense 190 anos de que Domingo Fontán entregou a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa feito en España a través de métodos científicos e medicións matemáticas. Para a súa realización, Fontán aplicou o mesmo procedemento proxectado por Jorge Juan a mediados do século XVIII para o levantamento do mapa de Espña: a medición dunha base central e unha rede fundamental de triángulos. Pero engadiulle medicións que incrementaron a precisión e o dotaron doutros valores, como a altirude dos principais cumios. Unha das características máis importantes da Carta é a súa escala, de 1: 100 000, que se adiantou aos mapas oficiais doutros países europeos, que posteriormente escollerían a mesma proporción.

venres, 29 de novembro de 2024

Calendario literario de Advento


O EDLG e a Biblioteca do IES Fernando Esquío elaboraron este calendario literario de Advento, con recomendacións para cada día de decembro ata Nadal. Hai todo tipo de libros e podes atopalos todos eles na Biblioteca do centro. Non perdas as recomendacións diarias e anímate a ler algunha delas nas vacacións!

xoves, 28 de novembro de 2024

Inauguración da exposición "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza"

Desde o 3 ata o 29 de decembro de 2024, poderá verse no Museo do Pobo Galego a exposición titulada 75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza, unha mostra bibliográfica sobre a derradeira obra de Castelao, que escribiu en decembro de 1949, cando estaba exiliado na Arxentina, como resultado de moitos anos de investigación sobre estas particulares mostras de relixiosidade popular. Trátase dun detallado estudo no que se describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos.

martes, 26 de novembro de 2024

Palabra do Ano 2024


Un ano máis, o portal das palabras promove a escolla da Palabra do Ano, co obxectivo de que tomemos conciencia do valor da lingua e do que designan as palabras que eliximos e creamos. Tes ata o día 8 de decembro ás 23:59 para enviar a túa poposta e participar na primeira fase. Anímaste? 

Deixámoste aquí a ligazón na que poderás atopar toda a información sobre esta iniciativa.

luns, 25 de novembro de 2024

Manifestacións da violencia contra as mulleres na nosa música tradicional

Compartimos a publicación do Museo do Pobo Galego sobre as manifestacións da violencia contras as mulleres na nosa música tradicional. Porque a presenza de mensaxes machistas, tamén é unha realidade no cancioneiro tradicional galego. Deixamos na presentación fragmentos de tres pezas depositadas no Museo.

O Día da Ilustración de 2025 renderá homenaxe ao artista gráfico Xosé Vizoso



O Día da Ilustración forma parte do Calendario do libro e da lectura desde o ano 2014 e toma como data de referencia a do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É unha iniciativa que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

No 2025, este Día homenaxeará a Xosé Vizoso, un artista gráfico que, alén dunha ampla traxectoria como deseñador e ceramista, ten tamén unha importante produción como cartelista, muralista e ilustrador de libros. O recoñecemento ao autor de Mondoñedo é o primeiro que se fai en vida, xa que en anteriores edicións a efeméride centrouse en reivindicar a referentes históricos e pioneiros nesta disciplina.


domingo, 24 de novembro de 2024

Tal día coma hoxe, en 1861, Rosalía publica "Adiós ríos, adiós fontes"

O 24 de novembro de 1861, Rosalía de Castro publicaba o seu primeiro poema en galego, "Adiós ríos, adiós fontes", que vos deixamos a continuación para que poidades desfrutar da súa fermosura.