venres, 28 de marzo de 2025

Día das Artes Galegas 2025

Este ano, o Día das Artes Galegas, que se conmemora o 1 de abril, está dedicado a Isaac Díaz Pardo. O EDLG elaborou a presentación que podedes ver nas diapositivas, que xa se atopa colocada no corredor do noso IES. Non deixedes de aprender sobre este referente cultural galego tan importante!

xoves, 27 de marzo de 2025

Día Mundial do Teatro


Hoxe celébrase o Día Mundial do Teatro, unha conmemoración establecida polo Instituto Internacional do Teatro  lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo é promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo e crear conciencia sobre o seu valor. Na nosa biblioteca temos numerosas obras teatrais que vos animamos a ler e, se aínda non o fixestes, comezar a mergullarvos neste xénero tan interesante.

martes, 25 de marzo de 2025

Hoxe recordamos a Carvalho Calero


Tal día coma hoxe de 1990 finaba en Santiago de Compostela Ricardo Carvalho Calero. Ferrolán de nacemento, foi historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista, escritor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Assosiaçom Galega da Língua. Considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero.

luns, 24 de marzo de 2025

Dai Minh, un dos gañadores do XXV certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro

Hoxe coñecimos que Dai Minh González Soto, alumno de 1º B da ESO no noso IES, é un dos gañadores do certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro, organizado pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol.

A súa obra, xunto coa do resto de gañadores e gañadoras, será exposta en Ferrol, e haberá un acto para a entrega de premios. Informarémosvos tan pronto como coñezamos as datas dos eventos. 

Moitos parabéns a Dai Minh!!


venres, 21 de marzo de 2025

Día Mundial da Poesía

Hoxe celébrase o Día Mundial da Poesía e queremos conmemoralo con estes versos de Rosalía de Castro, recollidos na súa obra Cantares gallegos, un poemario que bebe directamente da poesía popular. É precisamente por esta razón, que no ano no que se dedica o Día das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, eliximos este poema. Esperamos que vos guste!

xoves, 20 de marzo de 2025

A triste realidade da nosa lingua


Hoxe tivemos a oportunidade de estar nos Encontros PLAMBE 2025, onde houbo un espazo para a reflexión sobre a emerxencia lingüística que está a vivir o galego, tamén na lectura. Esperamos poder contribuír a revertir esta situación a través do noso labor docente.

mércores, 19 de marzo de 2025

Semana do Cinema Galego

Do 26 ao 29 de marzo, terá lugar a sexta edición da Semana do Cinema Galego, que se levará a cabo no Teatro Colón da Coruña. Durante estes catro días exhibiranse oito das producións máis recentes e recoñecidas da industria cinematográfica asinada en Galicia. A entrada é de balde ata completar aforo. Tedes toda a información sobre a programación aquí. Non vos perdades este evento!