xoves, 30 de xaneiro de 2025

Guía de apelidos galegos


Desde onte, a RAG incorpora a Guía de apelidos galegos, un buscador que recolle información sobre máis de  6000 nomes de familia, que corresponden cun 95% da poboación galega. O novo recurso en liña quere facilitar a recuperación de formas non deturpadas destas denominacións.

Na presentación do proxecto, que se realizou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, o presidente da Academia, Victor F. Freixanes, salientaba que "os apelidos son a crónica dunha estirpe, marcas de identidade nas que recoñecemos a propia liñaxe, a memoria da familia ou do clan. Detrás deles latexa a memoria do que somos. Estudar esa memoria significa coñecérmonos un pouco máis a nós mesmos, non tanto dende unha perspectiva particular ou individual, mais comunitaria e compartida".

En definitiva, con este recurso preténdese avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo.

mércores, 29 de xaneiro de 2025

Conmemoramos a Urbano Lugrís


O 28 de xaneiro de 1908 nacía na Coruña Urbano Lugrís, un dos artistas galegos máis destacados do século XX. A súa pintura desenvolveuse entre dous mundos, o real e o onírico, e caracterízase por estar impregnada de simbolismo e misterio. A obra de Lugrís reflicte a súa fascinación polo mar así como polas lendas celtas. 

Deixámosvos o folleto do 50 aniversario do seu pasamento, elaborado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e no que podedes atopar un resumo da súa vida e obra.

martes, 28 de xaneiro de 2025

Club de lectura de adultos: Pel de cordeiro

Hoxe, no club de lectura de adultos, no que participamos profes en activo, profes xubilados e familias do alumnado, tivemos unha sesión dedicada a comentar a novela Pel de cordeiro, de Ledicia Costas, unha obra que conecta as meigas galegas do século XIX coa actualidade.

Deixámosvos a continuación a sinopse do libro:

Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio e afonda nos segredos das plantas medicinais. Críase nunha consulta demencial, onde acoden enfermos con todo tipo de doenzas. Nos últimos anos da Inquisición, no medio da fame e a miseria, elas son o máis semellante a un doutor que existe en Merlo, pero cunha diferenza: son necesarias pero tamén odiadas. Lola é unha muller do século XXI que atravesa unha crise persoal. Entra en contacto cunhas forzas que non comprende. A ruptura coa súa parella, as súas dúbidas sobre a maternidade e o desbloqueo de recordos que tiña esquecidos provócanlle un colapso. Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía. Unha novela hipnótica, que explora o erotismo e a escuridade e nos envolve nunha atmosfera tan terrible como preciosa.

Animádesvos a lelo?

venres, 24 de xaneiro de 2025

As bibliotecas autonómicas homenaxean a Xosé Vizoso polo Día da Ilustración

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel das/os profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado unha ilustradora ou ilustrador histórico galego.

O Día da Ilustración do 2025 está dedicado a Xosé Vizoso, un artista gráfico que, alén dunha ampla traxectoria como deseñador e ceramista, ten tamén unha importante produción como cartelista, muralista e ilustrador de libros.

Este día contará cun amplo programa de actividades en torno á figura do homenaxeado nas bibliotecas de xestión autonómica. A programación está composta por unha exposición, un vídeo, obradoiros, sesións de narración oral ou mostras bibliográficas sobre a traxectoria deste artista natural de Mondoñedo. A peza central deste programa é a mostra 'Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo', que se inaugurará na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura o 30 de xaneiro, e que permanecerá aberta ata o vindeiro 12 de maio.

Tedes toda a información sobre o programa de actividades neste enlace.

xoves, 23 de xaneiro de 2025

Terbutalina anuncia unha pausa indefinida

Amigas e amigos do rock and roll. En Terbutalina levamos dende 2010 subindo aos escenarios de forma ininterrumpida. 15 anos sacando boas cancións, disco tras disco, sen parar de tocar a nosa música en directo. Centos de concertos, pogos, suor, sangue e algún que outro óso roto. Pero ás veces as baterías tamén se esgotan. Por iso, queremos anunciar que Terbutalina vai parar de forma indefinida.

Con estas palabras anteriores, a banda de Esteiro anunciou nas súas redes sociais unha parada indefinida na súa actividade. Os músicos darán un último concerto o vindeiro 22 de febreiro na sala La Madeleine de Bruxelas, no marco do festival EmigraSON. Ademais, a xeito de despedida, o grupo lanzou un último tema, Bicos, que vos compartimos a continuación:

martes, 21 de xaneiro de 2025

Calendarios do EDLG

Chegaron os calendarios do EDLG! 

As Nacións Unidas declararon 2025 como Ano Internacional da Conservación dos Glaciares, acompañado da proclamación do 21 de marzo de cada ano como Día Mundial dos Glaciares a partir de 2025. Nós quixemos contribuír a concienciar sobre o seu retroceso utilizando esta temática no noso calendario, posto que os glaciares son fundamentais para regular o clima mundial e subministrar auga doce. Porén, debido ao cambio climático, impulsado principalmente polas actividades humanas, os glaciares estanse derretendo rapidamente.

luns, 20 de xaneiro de 2025

Calendario do Libro e da Lectura 2025

Presentámosvos o Calendario do Libro e da Lectura para 2025,  que dá conta de 34 efemérides no ámbito das letras para os vindeiros doce meses, recolle datas de homenaxe a Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento e a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica o vindeiro Día das Artes Galegas.

Canda a estas datas, o calendario recolle como novidade a celebración o 17 de outubro do Día do patrimonio inmaterial, que contará con actividades específicas nas bibliotecas públicas do país. Tamén se incorporan a esta programación, o 27 do mesmo mes, o Día da corrección de textos, e o 22 de novembro, o Día da música.

As ilustracións do calendario foron feitas por Carlos Gallego Domínguez.