sábado, 18 de xaneiro de 2025
Falece Bernardino Graña aos 92 anos de idade
xoves, 16 de xaneiro de 2025
Premios Youtubeiras+ 2024
Ademais, previamente á gala, de 17 h a 17.50 h, Nuria Espasandín e Sergio Casal de Toxío, impartirán un obradoiro para crear contidos na Rede a través de consellos prácticos. Así mesmo, darán a coñecer os contidos en galego na Internet e ofrecerán ferramentas e recursos na nosa lingua para resolver todas as dúbidas lingüísticas que poidades ter.
Por se fose pouco, entre o obradoiro e a gala, haberá un aperitivo na entrada do propio Pazo da Cultura, onde relaxarse antes da entrega de premios, posar diante da cámara, rexoubar sobre quen cres que serán as canles vencedoras e responder ás preguntas de Gabri Fuentes en directo para as redes.
Non perdades esta ocasión!
Se aínda non sabedes que é Youtubeiras+, entrade neste enlace, onde tedes toda a información sobre o proxecto.
xoves, 9 de xaneiro de 2025
Plataformas para ver películas e series en galego
- A web da TVG, cunha gran oferta de programas, series e películas.
- Pipocas, unha iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística para recompilar películas e series que están dispoñibles na nosa lingua tanto dobradas como subtituladas.
- Filmin, unha das poucas plataformas comerciais que inclúe contido en galego, tanto dobrado como subtitulado. Nela podedes atopar filmes de autores galegos, clásicos dobrados e documentais.
- Vogal, unha plataforma dixital que promove o cinema galego. Ofrece un catálogo de filmes, documentais e curtametraxes de creación galega, dando visibilidade ao traballo de cineastas e artistas que apostan pola nosa lingua.
- Agalinhas, unha canle de Youtube para os máis pequenos/as.
- A páxina oficial do Xabarín, que permite acceder a unha selección de series e programas que marcaron unha época, dobrados ao galego.
- Dragon Ball en galego, unha páxina que recompila os episodios clásicos da serie, dobrados é nosa lingua.
mércores, 8 de xaneiro de 2025
Concurso de memes Día de Castelao
Para conmemorar o Día de Castelao, que se celebra o 30 de xaneiro, propoñémosvos un concurso de memes relacionado coa súa obra Cousas da vida. Só tedes que elixir un debuxo dos que aparecen nesa obra e empregalo para facer un meme sobre o que vós queirades. Hai exemplares do libro na nosa biblioteca e tamén podedes atopalos neste enderezo web. Animádevos a participar! Haberá premio para os mellores memes!
martes, 7 de xaneiro de 2025
Tal día coma hoxe do ano 1913 nacía Fernández del Riego
2025: Ano Castelao
Tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950, morría no exilio de Bos Aires Afonso Daniel Rodríguez Castelao, cumpríndose, polo tanto, 75 anos do seu pasamento. Para conmemorar esta data, a RAG quere lembrar a súa figura e o seu legado estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con quen, en palabras do presidente da institución é "sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea".
No IES tamén faremos actividades relacionadas en torno a Castelao que vos iremos presentando neste espazo.
venres, 3 de xaneiro de 2025
Letras galegas 2025
Este ano 2025, as Letras Galegas 2025 estarán dedicadas á poesía popular oral, e a RAG vén de abrir na súa web o espazo do Día das Letras Galegas, no que se recollen vídeos, artigos e fotografías que se irán ampliando ao longo do ano.
No IES tamén teremos as nosas propias actividades de conmemoración, que vos iremos presentando a medida que as vaiamos levando a cabo.
Aproveitamos para desexarvos un moi feliz ano novo!



